Thursday 16 de May de 2024

A Biblioteca de Neda reactivará o seu club de lectura


Convidan ás persoas interesadas en formar parte do grupo a unha primeira reunión organizativa o martes 14 de novembro

A Biblioteca municipal de Neda pretende volver contar con club de lectura propio como antes da pandemia. Un grupo que funcionaba con éxito, e que agora se quere reactivar. Con ese obxectivo, o próximo martes, 14 de novembro, a partir das 18 horas, convócase a unha reunión ás veciñas e veciños afeccionados á lectura que estean interesados en sumarse á iniciativa.
A chamada vai dirixida en xeral a calquera amante da literatura, que queira compartir a súa afección comentando e poñendo en común as súas impresións sobre unha determinada obra. A idea é pór en marcha de forma inmediata un grupo de persoas adultas.

Explican que a reunión, que terá lugar na biblioteca, servirá para sentar as bases do funcionamento do club, fixar os días de reunión mensual e mesmo valorar e decidir as posibles lecturas de cara aos próximos meses.

Nesta liña, apuntan que o Concello contará co apoio da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia para poder facilitar aos participantes o préstamo de exemplares múltiples dun mesmo título. Polo tanto, as obras elixidas deberán formar parte do seu amplo catálogo.

A posta en marcha do club vén a reforzar as actividades municipais de promoción e dinamización da lectura, aumentando dende a biblioteca a motivación por ler, propiciando unha lectura crítica, e fomentando unha relación entre persoas da vila que comparten afección.